Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Noia reparte sesenta novas trampas para loitar contra a avespa velutina


 

O xefe de Protección Civil de Noia fixo balance da campaña de 2018 e asegurou que as velutinas “fan o niño en calquera lado, hai que estar moi atentos”

Máis de setenta persoas, en gran parte apicultores/as, asistiron na noite de onte venres á charla informativa sobre o control da vespa velutina celebrada no salón de plenos do Concello de Noia. Unha charla que foi impartida polo xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, quen estivo acompañado pola concelleira de Medio Ambiente e Protección Civil, Ángela Neri Arufe.

Unha xornada na que o Concello de Noia repartiu sesenta novas trampas e centos de doses de líquido atraente entre os presentes, “que se suman ás preto de 250 que repartimos o ano pasado, pois son reutilizables”, explicou Neri Arufe, quen insistiu na necesidade de actuar nestas datas xa que “é cando as novas raíñas de avespa velutina comezan a conformar os seus niños primarios polo que cada raíña que collamos agora será un niño menos”.

Pola súa banda, Eduardo Moledo fixo un chamamento á colaboración veciñal, advertindo de que as velutinas “fan o niño en calquera lado, hai que estar moi atentos”. Neste sentido, fixo especial fincapé en ter coidado durante as rozas de cortas relacionadas coas obrigas establecidas na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes forestais de Galicia xa que “as raíñas fan os niños primarios non só en árbores, senón tamén en matorrais e en Noia xa nos atopamos con xente que foi atacada por estar rozando coa debrozadora e atoparse cun niño”.

Balance da campaña

O xefe do servizo de Protección Civil de Noia deu unhas explicacións sobre os costumes desta especie invasora, facendo fincapé en como actuar no caso de picada. “Pódese usar vinagre ou bicarbonato para reducir a dor, pero recomendamos achegarse ao centro de saúde cando son máis dunha picada ou cando se teña algún tipo de reacción alérxica”, explicou.

Así mesmo, Moledo aproveitou para amosarlles aos presentes un balance da campaña realizada o ano pasado, na que participaron máis de duascentas persoas e na que se repartiron 250 trampas. Un ano durante o que se retiraron máis de 150 niños secundarios e outros 100 primarios, sobre todo nas parroquias de Roo e Barro, “sobre todo na Barquiña, no Castro, Paradela e Agrelo”, explicou o xefe do servizo de Protección Civil de Noia.

Eduardo Moledo tamén aproveitou para indicar cambios sobre o seguimento da campaña “xa que nos atopamos con que a xente nos daba a dirección da súa casa e non do lugar onde estaba colocada a trampa, polo que queremos que a xente nos chame cando teñan a trampa chea de avespas. Así xa nos encargamos nós de retirarllas e poñer de novo o atraente para así marcar con GPS o punto exacto no que está colocada a trampa”.

As sesenta trampas repartidas son do mesmo modelo “Vespa Catch” do ano pasado. Unhas trampas que son “doadas de colcoar, de cor amarela, que as atrae moito, e cun líquido atraente que maximiza a captura de velutinas sen afectar ás abellas”, indicou Ángela Neri. Para elaborar o líquido para atraer ás avespas é preciso mesturar 200 cl de auga, 50 gramos de azucre e 10 ml de atraente, “aínda que hai moita xente que tira de cervexa, licor café e ata de zumosol”, apuntou o xefe de Protección Civil de Noia.

A “Vespa Catch” é un modelo francés de trampa simple e eficaz, que se coloca con facilidade grazas a un gancho incluído na súa confección. O atraente é unha solución completamente natural e sen insecticida, baseado en extractos vexetais. Segundo os cálculos da empresa fabricante, Véto-pharma, é quen de capturar unhas 13 velutinas en tan só 48 horas, chegando aos 87 exemplares en 8 días, fronte as 27 que se capturan de media con trampas artesanais.